Anna Llenas naceu en Barcelona. É licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade Autónoma de Barcelona e graduada en Deseño Gráfico pola Escola Llotja. Deu os seus primeiros pasos profesionais no sector da publicidade como directora de arte en Bassat Ogilvy, pero nun momento dado decidiu emprender o seu propio camiño. Especializouse en ilustración na Escola Eina e comezou a crear os seus propios produtos, que desde entón comercializa a través de distintas canles. Desenvolveu proxectos gráficos para clientes tan variados como La Vanguardia, Nestlé e a Generalitat de Catalunya, entre outros. Durante estes últimos anos formouse en Psicoterapia pola Arte e en Formación Psicosocial na Universidade Pompeu Fabra e, nestes momentos, exerce como profesora e arteterapeuta especializada en arte e educación emocional. Anna é autora e ilustradora de libros que axudan a grandes e pequenos a mergullarse no mundo das súas propias emocións, e o seu álbum O Monstro de Cores converteuse nunha obra clave neste sentido. Actualmente é un éxito de vendas, que saltou fronteiras e viaxou a moitos outros países do mundo.